Amosando publicacións coa etiqueta CRÍTICAS DE CINE SEN (SIN) ILUSTRACIÓN. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CRÍTICAS DE CINE SEN (SIN) ILUSTRACIÓN. Amosar todas as publicacións

22. DOGVILLE (Lars von Trier, 2003)


*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Despois de, valla o oxímoro, gozar sufrindo con Os idiotas (1998), decidín darlle continuidade á que no seu momento foi unha sorpresiva aceptación respecto do cinema do danés. Ou máis ben debería dicir que o ideario que semellaba subxacer nel motivoume a seguir vendo máis. Atrevinme, pois, con Dogville.

E non é que Dogville deixe de agochar un ego artístico berrón, poupable no feito da atención artificiosa que o seu cinema (o seu cineasta) ás veces seica aparenta querer reclamar dende o formal ou erixíndose coma necesario axitador de conciencias. É, sinxelamente, que desta a súa proposta convénceme e non podo senón que tentar non traizoarme mentres engulo con patacas os prexuízos.

21. LA RIVIÈRE DU HIBOU (Robert Enrico, 1962) [CURTAMETRAXE / CORTOMETRAJE]



CURTAMETRAXE COMPLETA / CORTOMETRAJE COMPLETO:




(SEN DIÁLOGOS / SIN DIÁLOGOS)


*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Fíxenme, vai non tanto, cun libriño chamado Un habitante de Carcosa e outros relatos de terror, de Ambrose Bierce. Había especialmente, inda que remataron por gustarme moito a meirande parte deles, dous destes relatiños nos que estaba interesado por cuestións relacionadas coas imaxes en movemento: o propio Un habitante de Carcosa, que, xunto con outras referencias, inspirou a primeira tempada da serie True Detective (2014); e Un suceso na ponte sobre o río Owl, que deu pé a esta curtametraxe que hoxe protagoniza estoutra entrada, e que tivera xa o pracer de ver sen ter lido o escrito polo norteamericano.

A curtametraxe, practicamente carente de diálogo, outórgalle á forza das imaxes, e a do son ambiente, toda a responsabilidade dramática.

20. RÉQUIEM POR UN SOÑO / RÉQUIEM POR UN SUEÑO / RÉQUIEM FOR A DREAM (Darren Aronofsky, 2000)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Non se pode negar: se o cine é unha manipuladora mentira, entón Réquiem por un soño sublima esta arte.

Deliberadamente incómoda e insá, consegue que unha das últimas cousas que a un se lle poidan ocorrer ao rematar de vela sexa un: mataría por un xute! Desculpade a carallada, pois as drogas e as súas consecuencias, eixo do filme, ben merecen pouca banalización. Pero culpade a Aronofsky (O cisne negro, 2009), el foi o primeiro en facelo.

E non me malinterpretedes, pois son dos que se deixan facer moi a gusto, e paso bastante de andar afondando polo miúdo na lexitimidade dos efectismos empregados polos realizadores mentres non me amolen. Mais aquí o fan.

19. WHIPLASH (Demian Chazelle, 2014)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Hai na pronuncia de whiplash unha sonoridade que se corresponde bastante literalmente co seu significado ("lategazo"); co siseo, asi mesmo, das arroutadas rítmicas que as baquetas exercen sobre os pratos (tan preponderantes en jazz) e, por metafórica extensión, co fustrigamento ao que o protagonista é sometido no seu tortuoso camiño por ser lembrado.

Unha película desfrutable, e en ocasións de que xeito! (o derradeiro treito, por exemplo), dende a visceralidade que transmiten a vertixe das súas imaxes ou os seus personaxes (xenial Fletcher, o cabronazo interpretado por J.K. Simmons). Todo un sangue, suor e bágoas, meritorio tamén no feito de lograr que o espectador empatice co teórico esgotamento,  físico e mental, que debe supoñer o tocar a ese nivel de esixencia e tensión.

18. A ILLA MÍNIMA / LA ISLA MÍNIMA (Alberto Rodríguez, 2014)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

A Illa mínima vén resultar case que unha intriga de inspiración sureña; e non estou a referirme de xeito obvio ás marismas do Guadalquivir ubicadas xeograficamente ao sur de España, onde se desenrola a acción do thriller, senón á Norteamérica sureña: aquela alonxada de todo e na que paisaxe e climatoloxía rematan por erixirse nos perfectos cómplices dos máis terribles e misteriosos segredos que en dito aillamento poidan sucederse (a fotografía de Catalán coido que xoga moi ben co sobrecolledor desta marxinalidade e os seus espazos, advertíndonolo xa nas tan fermosas como agoirentas panorámicas aéreas do comezo).

Unha mística especial que semella inzalo todo, incluído ao receoso e curtido paisano que olla, con temerosa desconfianza, ao estraño que anda a cheirar na súa realidade. Se cadra non exista só simple desconfianza, senón tamén certo desprezo, vestido de orgullo, por considerar a dito estraño a representación dunha sociedade que vai tempo que os deixou á súa sorte e que só parece lembralos cando algún suceso inesperado así o demanda.

17. O CARRO E O HOME / EL HOMBRE Y EL CARRO (Antonio Román, 1940) [CURTAMETRAXE//CORTOMETRAJE]



  CURTAMETRAXE COMPLETA // CORTOMETRAJE COMPLETO:


                                       (EN GALEGO SEN SUBTÍTULOS / EN GALLEGO SIN SUBTÍTULOS)







(EN GALEGO CON SUBTÍTULOS EN CASTELÁN / EN GALLEGO CON SUBTÍTULOS EN CASTELLANO)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

O carro. E que é o que é un carro? Pois por definición, aplicable ao contexto galego, que é do que se trata, un carro sería un vehículo, tirado por bestas, destinado ao transporte quer dunha cousa, quer doutra: millo, patacas, herba, leña, etc.

Mais, aló dunha definición, pra Galiza, o carro é un elemento chave non xa do entorno rural, senón da propia idiosincrasia do conxunto do pobo galego.

16. COMO ADESTRAR AO TEU DRAGÓN/ CÓMO ENTRENAR A TU DRAGÓN/ HOW TO TRAIN YOUR DRAGON (Dean Deblois; Chris Sanders, 2010)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Vixésima produción do estudio Dreamworks no ámbito animado. Pode que Disney, Disney Pixar ou Studio Ghibli, que adoitan abandeirar o meu gusto respecto dos estudos de animación, sexan superiores, mais a Dreamworks fíxose un nome, cos seus altibaixos, de xeito merecido: Shrek; Wallace e Gromit: A maldición das verduras; Ant-z ou incluso a infravalorada Ratónpolis, son exemplos que ben poden ilustralo. E, por suposto, a que nos ocupa.

Como adestrar ao teu dragón inicia a súa acción co ataque nocturno que os dragóns perpetran contra un poboado vikingo encravado ao borde dun cantil. O lume, as faiscas e os estouridos, derivados da ofensiva, rechaman entre as tebras corverténdose no máis salientable dun comezo que non resulta todo o espectacular que parece pretender ser, inda que si ben suxestivo. Son uns primeiros minutos, incluso argumentalmente falando, non excesivamente prometedores. Non obstante, iremos descubrindo que a curva da súa intensidade está, en tódolos aspectos, moi ben medida.

15. NIGHTCRAWLER (Dan Gilroy, 2014)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Ópera prima, e único filme ata o momento, de Dan Gilroy como director; alguén ao que xa coñecía polos seus guións sen saber que eran seus (exercendo aquí tamén como tal): Apostando ao límite (2005); The fall: O soño de Alexandría (2006) ou O legado de Bourne (realizada polo seu irmán, Tony Gilroy, en 2012).

Lou Bloom, un lobo solitario sen aparentes vínculos afectivos con ninguén, ante a dificultade pra atopar un traballo honrado nun tempo difícil coma o actual, ou iso entendemos, gáñase a vida, se é necesario, roubando. 

O seu deambular pola cidade en busca de alternativas levarao, casualmente, a ollar un novo e proveitoso xeito de subsistencia: filmar en primicia truculentos accidentes de tráfico, roubos ou crimes que logo vender ás cadeas de televisión pra os seus noticiarios. Especialmente, por ser o demandado por ditas canles, aqueles acontecidos en barrios de "xente ben" a mans de persoas de inferior condición social; algo susceptible de producir, alén dun pretendido morbo, un alarmismo entre o cidadán medio e a súa suposta tranquilidade atentada.

14. O GRAN GATSBY/ EL GRAN GATSBY/ THE GREAT GATSBY (Baz Luhrmann, 2013)




*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar"). 

Charramangueira, necesitada de protagonismo, excesiva...Gústame!
 
Non é que no cine, así de entrada, comulgue moito co anterior, máis ben ao contrario, pero finalmente todo depende de como un sexa capaz de inserilo nun determinado contexto.

As primeiras cousas que chaman á atención, nesta O gran Gatsby, son o feito de estar rodada nun impactante, aínda que ás veces forzado, 3D; a hiper-estilización que presenta a súa estética ou as atoladas festas que se van sucedendo. Elementos estes que, se callar, respostan á necesidade de intentar ofrecer un reclamo o bastante suculento como pra que o gran público non bocexe mentres lle plantan unha adaptación dgran clásico de F. S. Fitzgerald.

13. INDIE GAME: THE MOVIE (Lisanne Pajot/James Swirsky, 2011)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Rematando con documentais sobre videoxogos (alomenos durante algúns lustros), aproveito a conxuntura pra comentar un pouco esta Indie Game: The Movie (apta especialmente pra xente con certo interese polo medio).

Indie Game é un achegamento á vida de Tommy Refenes, Edmund McMillen (creadores de Super Meat Boy), Phil Fish (Fez) e Jonathan Blow (Braid). Dito achegamento serve pra amosarnos o dificultoso de sacar un videoxogo independente e os quebradeiros de cachola que isto leva aparellado.

12. THE KING OF KONG: A FISTFUL OF QUARTERS (Seth Gordon, 2007)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Gústanme os videoxogos, pero recoñezo que unha película documental sobre a recreativa clásica de Donkey Kong era algo que non levantaba especial paixón en min. Acheguéime a ela con escepticismo. Porén, cedo descubrín que isto era case que un pretexto pra narrar, a base dunha épica bastante cachonda, a rivalidade entre Steve Wiebe (bondadoso e humilde profesor e pai de familia) e Billy Mitchell (desapiadado empresario): o ben e o mal.

Ámbolos dous protagonistas están unidos na necesidade de obter a meirande puntuación no xogo do macaco; honra que, até a data de filmación do documental, posúe Billy de xeito máis ou menos acomodado. Ese e outros récords mundiais, en diferentes videoxogos clásicos, son atesourados por un Billy Mitchell xa recoñecido tamén por ser a cabeza visible dunha cadea de restaurantes e prebes picantes (éxito colleitado grazas á súa fama coma xogador). É o perfecto triunfador: el personifica como ninguén o ideal capitalista do soño americano, e dende logo o “bo” de Billy non quere apearse de dito estatus (por ter, ten ata unha muller siliconada).

10. ESTACIÓN CENTRAL DO BRASIL / ESTACIÓN CENTRAL DE BRASIL / CENTRAL DO BRASIL (Walter Salles, 1998).




*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Estación central do Brasil é un drama que se constrúe emocionalmente dende unha visión desoladora: aquela derivada da miseria que transpira a estación central de ferrocarrís de Río de Janeiro, e que pretende sintetizar o subdesenvolvemento que, nunha importante porcentaxe, sofre o Brasil na súa sociedade.

Entre dita miseria atópase Dora, unha antiga proferosa que agora malvive escribindo cartas pra xente analfabeta. Cartas que nin sequera se molesta en enviar aos seus destinatarios (sinal de que a miseria a foi deshumanizando até o punto de vivir por inercia e sen demasiados principios morais). Un día unha muller, da man do seu fillo Josué, alle pedir a Dora que escriba unha carta pra  seu marido, ao que vai tempo que non ve. A muller morrerá atropelada por un autobús cando sáia da estación, e o neno vagará por esta ata que Dora decida facerse, en aparencia, cargo del. E digo en aparencia porque Dora ha de chegar, en primeira instancia, a vender ao pequeno a traficantes de órganos (logo unha amiga faralle remove-la conciencia pola súa acción e rematará por rescatar ao rapaz de todo aquel horror).

9. O PAN E A RÚA / EL PAN Y LA CALLE / NAN VA KOUTCHEH (Abbas Kiarostami, 1970) [CURTAMETRAXE//CORTOMETRAJE]

CURTAMETRAXE COMPLETA//CORTOMETRAJE COMPLETO:


                                                                                  (SEN DIÁLOGOS// SIN DIÁLOGOS)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Comeza o filme, con intelixente inxenuidade, centrando a nosa atención nun rapaciño despreocupado que se dirixe á súa casa co pan. Cedo, a esta inocente vítima, preséntaselle un conflito que o agarrota e ao que antes ou despois deberá de facer fronte: como evadir un can pouco amigable cruzado na súa ruta. O certo é que, polo seu modo de estar plantexado, é inevitable empatizar co malpocado cativo e sentir, pola contra, certa xenreira para co cuadrúpede cabrón que o obstaculiza.

Despois de ver como se esfumaban outras posibles vías coas que sortear ao animal, o neno lánzase cara o inevitable. Nun comezo non é ben recibido polo "malas pulgas", pero dá un anaco de pan a este que non só consegue aplacalo (algo pretendido polo neno pra superar o encordio) senón amansalo de tal xeito que, agora, vemos que a súa ferocidade debíase a súa falla de alimento mais que a unha inherente violencia do becho. 

8. A PIANISTA / LA PIANISTA / LA PIANISTE (Michael Haneke, 2001)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Haneke é un deses realizadores incómodos aos que sempre custa de enfrontar, polo que adoito elixir un día no que teña o corpo pra deixarme bater polas súas inquedanzas. O único que pido é que me toque un sufrir que sexa do meu gusto (A cinta branca, 2009) e non un que, despois de terme esnaquizado psicoloxicamente, remate por non dicirme nada (Funny Games, 1997).

Seica desta tocou un "mal bo trago".

Erika Kohut (impactante e poderosa interpretación de Isabelle Huppert), é unha profesora de piano cun particular e enfermizo xeito de entender todo o referente á sexualidade.

5. ADÁN E ELA/ ADÁN Y ELLA/ ADAM AND EVELYNE (HAROLD FRENCH, 1949).




*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar"). 

Evelyne (Jean Simmons), por causas que nos son alleas, pasa os seus días nun orfanato mentres anhela e idealiza a unha figura paterna que, dende a distancia, non cesa en enviarlle engaiolantes cartas acerca da prontitude coa que ambos poderán irse a vivir xuntos. A rapaza, xa crecidiña, e quizáis obrigada polas circunstancias, rematou por asumir responsabilidades parecidas ás que poidan ter as encargas da propia institución (tales como deitar aos cativos pola noite, ou incluso impartir clases). Aínda que non por asumir con formalidade certas tarefas de muller deixa por iso de posuír unha marcada mentalidade infantil que a pode levar, por exemplo, a enzarzarse nunha batalla de xices contra outros rapaces. É unha adolescente.

 A protagonista ten un carácter agradable e sentido. Nel reflíctese a ansiedade por fuxir cara unha nova vida, aínda que a este respecto non resulte, e de igual maneira que o resto dos internos, especialmente aflixida por estar onde está. De feito, French parece pintar dun xeito bastante morniño algo que ben podería estar representado con moita crudeza. Porén, esta tibieza á hora de mostrarnos un orfanato, non é algo que a min particularmente me moleste por considerar que a intención do director non é outra cá de xerar, dende o primeiro intre, un contexto relativamente cálido (ou non demasiado áspero), pra un romance, e non a de resultar cru con dita representación da realidade.

 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates