11. ALIEN (Ridley Scott, 1979)

 



Ilustración persoal (personal):
en construcción

*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

O minimalismo da música artellada por Jerry Goldsmith (A profecía, 1976) serve como acompañante dun inicio marcado pola desacougante tranquilidade que produce a visión dunha nave que sulca pesadamente o espazo exterior. A irrupción en pantalla do armatoste inquieta polo feito de representar movemento (teórica vida) nun contexto tan solitario, calmo e escuro.

A cámara coarase entón nela escudriñando un interior aínda menos tranquilizador, pois semella non haber xente que tripule a estructura. O único ser que parece alterar a calma reinante aló dentro é o son ambiente do propio respirar da tenebrosa nave. Cores negra e azul pálido (metáfora de frialdade e distancia), tuberías, condutos de ventilación, comportas herméticas e corredores estreitos que conducen a cuartos máis grandes, conforman o groso do decorado. 

Fixarase a nosa atención nese intre nunha computadora de abordo (alcumada, non sen retranca, “Nai”) que se acenderá espontaneamente, froito dunha meditada programación previa, pra avisar de que algo ocorre. Tal e como chega marcha, e o silente terror volta a inundalo todo. No seu deambular a cámara achará finalmente unha estancia na que, dispostas en círculo, unha serie de cápsulas de hibernación agochan aos protagonistas humanos (co permiso de Ash –un droide infiltrado) que preguiceiramente irán espertando do seu sono case eterno (que case diría Chandler). Xa podemos respirar tranquilos. Hai vida despois de todo, e o ton do filme tamén parece reflectilo para aquel entón con alivio e distensión: música e iluminación máis amables (cor branca, sinónimo de paz, presente en dita luz e roupa). Transcurriron 6:41 de metraxe.

Acabamos de presenciar dúas cousas:

- Unha das grandes introduccións da historia do cine.

- Ollar ao verdadeiro monstro da película: a Nostromo, nave comercial que transporta aos nosos protagonistas. Pode que non sexa a oitava marabilla do mundo (dito privilexio osténtao outro monstro: King Kong), pero quizais si o auténtico oitavo pasaxeiro.




E é que Alien é un filme que impacta e asusta moito máis polo conseguido da súa atmosfera (os lúgubres e laberínticos recunchos da xa nomeada Nostromo), ou polo contexto no que se sucede (imposibilidade de ser socorrido ao estar preso na soidade do espazo), que por ningún tipo de explicitude. Non é que o xenomorfo non asuste coa súa presenza física, é sinxelamente que se sinte máis aterrador cando agardamos por el nesa continuada calma tensa na que non o vemos. Pese a todo ambas vertentes (tensión atmosférica/explicitude) conviven en harmonía e necesítanse mutuamente: inesquecible a sanguenta escena do alien saindo do estómago de Kane (John Hurt) cando todos ceaban en aparente tranquilidade; ou tamén difícil de esquecer a loita de Ripley (Sigorney Weaver) con Ash (Ian Holm), e o posteior terceiro grao ao que este é sometido coa cachola robótica separada do corpo e incrustada no chan.

Falando de Ripley: Cando un se enfronta a Alien por primeira vez poidera crer que Dallas (Tom Skerrit) vai ser o protagonista. Elementos ten: capitán da tripulación, mediana idade, boa presencia física e, máis importante aínda nunha industria coma esta, é home. Pero non, será unha muller (aínda que algo masculinizada; feito que tampouco lle impedirá posteriormente ser fantasía erótica recurrente: Ripley en roupa interior é xa un clásico) a encargada de poñer o carácter suficiente pra facer fronte ao perigo. De feito Ripley déixase querer como potente heroína de acción, algo que explotará nas tres seguintes películas da saga, sendo Aliens: El regreso, alomenos pra o que suscribe, a máis interesante destas.

No treito final, cunha Nostromo a piques de autodestruirse, mentres o lucerío e o ruido enxordecedor das súas sereas impide case que oir os propios pensamentos, e os fumes vaporosos contribúen a dito caos, a protagonista tratará de fuxir desesperadamente nunha pequena nave auxiliar... Fuxida que xa está no imaxinario colectivo de tódolos cinéfilos.


CALIFICACIÓN:





CRÍTICA EN CASTELLANO:


 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates