13. INDIE GAME: THE MOVIE (Lisanne Pajot/James Swirsky, 2011)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Rematando con documentais sobre videoxogos (alomenos durante algúns lustros), aproveito a conxuntura pra comentar un pouco esta Indie Game: The Movie (apta especialmente pra xente con certo interese polo medio).

Indie Game é un achegamento á vida de Tommy Refenes, Edmund McMillen (creadores de Super Meat Boy), Phil Fish (Fez) e Jonathan Blow (Braid). Dito achegamento serve pra amosarnos o dificultoso de sacar un videoxogo independente e os quebradeiros de cachola que isto leva aparellado.


A modo de flashback comeza a contársenos a historia de Refenes e McMillen (fío condutor do filme): Refenes aparece navegando polos menús do Bazar da Xbox360 agardando achar, nun lugar de privilexio, ao seu Super Meat Boy o día da estrea deste na blanquiña de Microsoft. O home rematará abatido e case que desquiciado ao comprobar as numerosas accións a realizar pra finalmente atopar o xogo onde non quería: soterrado no máis profundo da sección "indies". 

Despois desta introducción, na que máis ou menos se manifesta a desventaxosa posición dos desenroladores independentes nunha industria pouco escrupulosa, o documental proseguirá poñéndonos en antecedentes con aqueles títulos indies referenciais que xa triunfaron: Limbo, Castle Crashers, Braid, etc. Precisamente será Jonathan Blow, desenrolador deste último, alguén interesante e non especialmente pagado de si mesmo, contrariando o que un adoita atoparse entre este tipo de artistas independentes, o que apareza de cando en vez falando, a touro pasado, sobre como foi a súa experiencia con esa pequena xoia chamada Braid (facendo un pouco de patria, dicir que o grupo galego Luar na Lubre participou na marabillosa banda sonora de tintes celtas co tema O son do ar). Blow exercerá ademais como esperanzador faro pra aqueles que desexen triunfar, coma el fixo, cos seus xogos independentes.

Outro afluente importante na historia é o Fez de Phil Fish, tipo máis ratonil e introvertido se o comparamos con Blow. Fish é deses que semellan estar sempre demasiado preocupados e obsesionados pola perfección do seu traballo (non en balde el mesmo declara ter redeseñado Fez unha e outra vez case de xeito enfermizo). É sinxelo intuílo como alguén con facilidade pra irritar e ser irritado.

                                                                                           Fish en acción.


Á marxe de simpatías varias é de salientar a implicación total que esta xente ten co seu traballo; sendo conscientes ademais de que é un todo ou nada moi arriscado no que perder viría sendo do máis sinxelo. 

É necesario, neste campo como en calquera outro (cine, música, etc), a presenza no mercado de xente con verdadeira liberdade creadora pra realizar produtos non sometidos ás constritivas esixencias comerciais. Creo na innovación e no tomar camiños lonxe do convencionalismo vende consolas máis conservador, e neste senso pouco hai que reprochar á reivindicación que a película promove. Porén, unha vez máis, parecen estarse a misturar as cousas, pois a visión xeral que se dá non é unicamente a da indefensión destes independentes e do inxustamente tratados que están (algo certo), senón que volve a quedar no ar esa molesta sensación de que os artistas independentes son os únicos que poden abandeirar certa intelectualidade, aquelas propostas con máis profundidade ou sinxelamente aquelas outras certamente dignas para co propio medio. Tommy Refenes (tan currante e entregado aos seus quefaceres como insoportable) chega a dicir literalmente: "nós non facemos xogos de merda", como dando a entender a superioridade intrínsica dos seus produtos respecto dos máis comerciais e maioritarios. Un comentario pouco afortunado que semella máis a pataleta dun neno, por non poder dispoñer de medios e recursos suficientes, que outra cousa.

Seica o ton soberbio de Indie Game non vai moito conmigo, pero de tódolos xeitos é interesante e está moi ben producida; máxime tendo en conta que a realización desta película foi posible grazas ao financiamento en masa (agora tan en boga): 70.000€ foi o que a xente doou desinteresadamente pra súa creación.  

CALIFICACIÓN:





CRÍTTICA EN CASTELLANO:

















 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates