14. O GRAN GATSBY/ EL GRAN GATSBY/ THE GREAT GATSBY (Baz Luhrmann, 2013)




*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar"). 

Charramangueira, necesitada de protagonismo, excesiva...Gústame!
 
Non é que no cine, así de entrada, comulgue moito co anterior, máis ben ao contrario, pero finalmente todo depende de como un sexa capaz de inserilo nun determinado contexto.

As primeiras cousas que chaman á atención, nesta O gran Gatsby, son o feito de estar rodada nun impactante, aínda que ás veces forzado, 3D; a hiper-estilización que presenta a súa estética ou as atoladas festas que se van sucedendo. Elementos estes que, se callar, respostan á necesidade de intentar ofrecer un reclamo o bastante suculento como pra que o gran público non bocexe mentres lle plantan unha adaptación dgran clásico de F. S. Fitzgerald.


Pode que o camiño elixido por Lurhmann esté alonxado da extremada elegancia áceda da prosa de Fitzgerald (outros, como Jack Clayton, xa o intentaron dun xeito máis "sobrio" con resultados discretos: O gran Gatsby, 1974), pero iso non quere dicir que este Lurhmann tan Lurhmann non sexa unha boa adaptación. De feito coido que unha das virtudes que ten o filme é a de evadir a responsabilidade de ter que emular o con tanto gusto escrito en 1925 polo norteamericano.



Abofé que moitos a entenderán como unha adaptación frívola e banal. Eu, pola contra, entendo que a súa esaxerada estética (ás veces esgotadora) satiriza moi eficazmente a esas clases altas dos anos vinte. Esas que intentan paliar o seu aburrimento a través do luxo, o vício ou o xogar cos sentimentos alleos por mero entretemento. Uns excesos festivos que, ademais, van paulatinamente perdendo o encanto desinhibido, propio das celebracións, pra transformarse nun reproche sobre a hiprocresía duns EE.UU envoltos nunha artificial promesa de éxito. A película explicita  a indecencia dun modelo capitalista cuns contrastes sociais onde, da man do luxo anterior, tamén van a miseria ou a segregación racial (neste senso, a luminosidade do colorido recargado dos entornos prósperos contrasta coas cores máis apagadas dos deprimidos barrios neoyorkinos; algo que Clayton xa fixera tamén á hora de ilustrar estas diferenzas).

Amais diso, a estética serve non unicamente pra vehicular unha crítica, senón tamén pra ensalzar as bondades dun desenfreo económico (no 29 pagarase un alto prezo) que propiciará unha sociedade, no bo sentido, buliciosa e atractiva, vangardista e capaz de comerse o mundo mentres o jazz ou charleston marcan o ritmo de dita euforia social posterior á Gran Guerra.




Falando de música, e en consonancia a todo este particular espectáculo, irrumpe con forza unha banda sonora que se sinte orgullosa en todo momento de ser un puro anacronismo en si mesma. Eu, persoalmente, súmoa á lista de atrevidas simpatías chic que pegan máis ben que mal (Lana del Rey, Coco o, Jay-Z, Jack White; entre outros). A excepción ao respecto protagonízaa a Rhapsody in Blue  de Gershwin, unha peza que simboliza o espírito deses anos vinte como ningunha: a rapsodia, composición libre e clásica, representando as clases altas; e o compoñente jazz da obra abandeirando ao efervescente vangardismo socio-cultural que comeza a asomar o fuciño con forza nas grandes urbes norteamericanas, e que é acollido por tódolos estratos sociais. 

Non é casual que ata o de agora non adicara unha soa liña ao máis literal: ao expresado polos protagonistas. Non é que deixe de ter importancia, é, sinxelamente, que aquilo que define mellor que calquera outra cousa a este filme é a súa forma. Claro que iso non quere dicir que non teña nada máis que ofrecer. De feito teno. Ben é certo que aqueles que agarden atopar o inxénio ou a elegancia parlamentar que un Lubitsch, Wilder ou Mankiewicz a bo seguro terían conseguido poden liscar. Porén, resulta sorprendente o desprezo que parte da crítica tivo cunha película que, incluso neste terreo, é superior á moitas veces anodina adaptación de Clayton; que tamén conta cos seus bos momentos (e comparo porque esta é a outra adaptación sobre o mesmo tema, alén da protagonizada por Alan Ladd e que aínda non vin).  DiCaprio, Mulligan e Edgerton (casi o máis destacado) manteñen un gran nivel pra superar con nota aquelas escenas que requiren da tensión dialogada.

Que o ritmo non pare!  



CALIFICACIÓN:




CRÍTICA EN CASTELLANO:






 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates