5. ADÁN E ELA/ ADÁN Y ELLA/ ADAM AND EVELYNE (HAROLD FRENCH, 1949).




*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar"). 

Evelyne (Jean Simmons), por causas que nos son alleas, pasa os seus días nun orfanato mentres anhela e idealiza a unha figura paterna que, dende a distancia, non cesa en enviarlle engaiolantes cartas acerca da prontitude coa que ambos poderán irse a vivir xuntos. A rapaza, xa crecidiña, e quizáis obrigada polas circunstancias, rematou por asumir responsabilidades parecidas ás que poidan ter as encargas da propia institución (tales como deitar aos cativos pola noite, ou incluso impartir clases). Aínda que non por asumir con formalidade certas tarefas de muller deixa por iso de posuír unha marcada mentalidade infantil que a pode levar, por exemplo, a enzarzarse nunha batalla de xices contra outros rapaces. É unha adolescente.

 A protagonista ten un carácter agradable e sentido. Nel reflíctese a ansiedade por fuxir cara unha nova vida, aínda que a este respecto non resulte, e de igual maneira que o resto dos internos, especialmente aflixida por estar onde está. De feito, French parece pintar dun xeito bastante morniño algo que ben podería estar representado con moita crudeza. Porén, esta tibieza á hora de mostrarnos un orfanato, non é algo que a min particularmente me moleste por considerar que a intención do director non é outra cá de xerar, dende o primeiro intre, un contexto relativamente cálido (ou non demasiado áspero), pra un romance, e non a de resultar cru con dita representación da realidade.

Paralelamente, o pai de Evelyne, un jockey con problemas de ludopatía, morre durante unha carreira de cabalos amañada por un amigo e máis el. Antes de morrer rógalle a este amigo,  como o gran favor da súa vida, que se faga cargo da súa filla. O amigo en cuestión é Adam Black (Stewart Granger), un tipo que se está a facer de ouro grazas ao xogo ilegal; xogo que, dalgún xeito, acaba de condenar ao pai da rapaza á morte, e non sabemos se por remordementos de conciencia, ou máis probablemente polos lazos de amizade que os unían, este rematará por asumir o delicado compromiso (ámbolos dous foran compañeiros durante a SGM, algo que sempre xera ese especial e mútuo vínculo de compañeirismo eterno tan explotado polos norteamericanos pra facer patria).

Despois desta introductoria primeira parte, na que se pon en antecedentes ao espectador, Adam Black, e non sen antes intercambiar impresións acerca do asunto coa súa recelosa noiva Moira (Helen Cherry), vai en busca da que el imaxina unha cativa. Cando chega atopa a unha adolescente feiticeira, e na súa expresión hai certa sorpresa agradable. Dobre sorpresa, ademáis, cando se dá conta de que a rapaza pensa que el é o seu verdadeiro pai debido a que o auténtico se adicara a enviar fotos de Black facéndoo pasar por el (postos a ter un pai na lonxanía, mellor que as fotos que acompañen a esas distantes misivas sexan as dun home atractivo e con aparentes cartos, alguén ao que sexa doado de aceptar e incluso mitificar, en troques das dun pobre diaño, debeu pensar o pai de Evelyne). A partires de aquí Adam decide non dicir nada e asume a regañadentes dito rol, aínda que semelle evidente que o asunto de facer de pai non é algo que a priori agrade especialmente a un home de vida máis ben frívola. 

     Evelyn, ulindo unhas sales de baño, nunha imaxe con certo simbolismo de conquista amorosa.



Os primeiros días de convivencia entre Evelyne e Adam, na grande e luxosa casa deste, discorren nun ton cómico baixo a falsa apariencia da incomodidade del ante a presenza dela: é certo que a súa compaña o descoloca, pero no fondo a beleza xuvenil e honesta dunha inxénua Evelyne supoñen, dun xeito paulatino, un especial atractivo ou aliciente nunha vida desordenada (vida que, por certo, agocha a Evelyne). Pouco a pouco a nova presenza feminina vai gañándose a simpatía de Adam, mentres desfruta de tódalas comodidades que o seu novo entorno familiar lle ofrece, e no que calquera pequeno detalle pode supoñer algo emocionante pra alguén tan privada de gozos durante a súa estadía no orfanato.

O apracible desta situación non durará moito, xa que a noiva de Black, motivada polos celos, será a encargada de confesarlle a Evelyne que el non é o seu verdadeiro pai; o que desembocará nun repentino cambio de situación no que, unha doída Evelyne, rematará por irse a estudar varios anos a Europa cos gastos cubertos por Adam. Este é un xiro necesario na historia pra artellar o romance entre os nosos protagonistas: por unha banda con isto desfáise a relación paterno filial; e por outra xustificamos un paso do tempo pra que Evelyne se convirta nunha muller que faga a historia moralmente adecuada.


Porén, xa sexa quizais demasiado tarde pra obviar o impregnada que a historia está en toda esta primeira parte dos ecos, por exemplo, da Lolita de Nabokov; reminiscencias que, sen ser atronadoras, si marcan de xeito irreversible a xestación da relación entre Adan e Evelyne, pois el comeza a sentir interese amoroso por ela cando aínda é unha adolescente. De feito, pra min todo este disimulado xogo amoroso entre maduro/adolescente, pai/filla, outórgalle á película un fondo interesante e atrevido. Case poderíamos falar dun filme con certa rebeldía intrínseca (por ser temas controvertidos, estes) disfrazado de insustancial romance rosa. Son pequenos e sutís os detalles que no lo fan saber, pero suficientes: A cara de Adam ao ver por primeira vez a Evelyne; as compañeiras de Evelyn cochichando acerca do guapo que é Black e como a propia Evelyne non parece contradicir dita afirmación; a noiva de Black pregúntandolle a este se a rapaza que vai a acoller é fermosa, e a posterior calada del por resposta; a incomodidade de Adam cando Evelyne o esperta unha mañá e se deita ao seu carón (pois, e aínda que ela cree que el é o seu pai, pra el non deixa de ser unha mulleriña descoñecida que irrumpe na súa alcoba); o comentario de Evelyne acerca do ben parecido que estaría Black sen bigote, e como el, posteriormente, rematará por barbealo; etc. Todo isto, por suposto, antes de que Evelyne marche pra Europa, é dicir, cando segue a ser unha rapaciña. Tamén o cartel de cine, en clara referencia bíblica ao froito prohibido do que Eva (Evelyne: "Eve") é portadora, é susceptible de ser interpretado como o pracer prohibido dun amor case que inmoral.

A nosa protagonista voltará de Europa convertida nunha muller (aínda que realmente continúe a ser a mesma persoa có comezo, só que con outro aspecto:
maquillaxe, troco na vestimenta e no peiteado, etc -as cousas do cine). Agora amosa, ademáis da renovada presenza física, un xeito máis pausado e analítico de comportarse, menos infantil. Un cambio de rexistro interpretativo, o de Simmons, moi adecuado e elegante, xa que non resulta brusco comparándoo coa antiga Evelyn, senón que recolle perfectamente a esencia do personaxe da primeira parte aplicándolle a este unha evolución nada forzada. O resultado é unha Evelyne adulta, menos inxénua, con licencia pra amar, aínda que, pese a todo, non tan madura coma pretende (temos un exemplo cando, e despois de tomarse unhas copas nunha festa, perde a súa suposta integridade de muller adulta e coquetea con Adan dun xeito totalmente adolescente). Simmons remata por completar unha grande actuación.


Evelyne remexendo unha copa con ixenuidade adolescente



O coqueteo entre eles é un feito, pra desgraza, por suposto, de Moira, que cada vez gaña máis presenza como a celosa antagonista disposta a todo. E máis que gañará cando na citada noite de xolda apareza en escena o, até entón inédito, irmán de Black: Roddy Black (Raymond Young). Este formará con ela unha maligna e interesada dupla, pois ambos queren sacar proveito das influencias do outro: Helen pra conseguir a Adan, e Roddy pra quedar con Evelyne. 

A partir daquí o filme encamíñase ás conclusións finais, e definitivamente gaña en intensidade e tensión (os interiores neste derradeiro tramo adquiren un ton máis lúgubre e acorde ao dramatismo esixido). Evelyne comeza a interesarse por un insistente Roddy (trouleiro sen demasiada ocupación na vida, sen boa relación co seu irmán, pero moi atractivo aos ollos dunha muller que pouco sabe dos mundos noctunos). Isto incomoda sobremaneira a Adam, e rematará propiciando un enfrontamento aberto entre irmáns. Duelo que culminará con Moira e Roddy delatando a Adam á policia coma o artifice de reunións ilegais, algo que ademáis abrirá os ollos a Evelyne, que até ese intre continuaba a crer que este era alguén decente (aínda que isto da decencia sexa algo moi relativo como ben lle di o personaxe do Colonel Bradley -interpretado por Wilfrid Hyde White- a Evelyne nunha das conversas máis destacadas do filme). Non obstante nada poderá interpoñerse finalmente entre os nosos namorados: Nin os celos de Moira, nin as liortas familiares, nin sequera a propia policía.






ESCENA DESTACADA
 

Creo que estes dous minutos que rematei por escoller resultan ser do máis interesante. Probablemente representen a parte máis atrevida do filme técnicamente falando, e dende logo, dende a miña opinión, non son mera técnica pra galería, senón que, nese amosar tan só os zapatos dos nosos protagonitas (e os daqueles que os rodean no seu bulir polas rúas londinenses), se está a facer un grande uso da linguaxe cinematográfica: o espectador pode intuír o sentir dos personaxes a través unicamente do movemento dos seus pés, e, sen necesidade ningunha de ensinarnos a súas facianas, un comprende perfectamente, por exemplo, que Adan non é alguén acostumado a prole nin a incómodidade desa vida na que pra todo hai que facer cola. Nese sentido, Adan resulta alguén alleo ao mundo real, ao dos problemas da meirande parte do común dos mortais, e French refléxao cun ton burlón que evidencia crítica. Por outro lado tamén queda patente que Adam está a facer ese esforzo porque desfruta da compaña dunha rapariga que comeza a roubarlle o corazón. Ela, mentres, evidencia cos seus movementos a excitación da súa nova vida, e tamén aquela propia da mocidade.

* Por suposto, e aínda que o vídeo que puxen estea dobrado, o filme debería verse en V.O. E non o digo por ningún tipo de pose pseudointelectual na que o V.O. deba de ser sempre un imperativo pra calquera que se considere a si mesmo cinéfilo (a min unha boa dobraxe pode chegar a parecerme unha opción moi válida -aí temos, mesmamente, a de Matar a un ruiseñor-) pero, neste caso, a dobraxe castelá é bastante frouxiña e non se achega nin por un intre a das voces orixinais. Así que mellor desfrutádea en V.O.

* Como curiosidade final dicir, pra aqueles que non o souberan, que o bo feeling existente entre Jean Simmons e Stewart Granger, e que tan ben pode apreciarse nesta peli, rematou por culminar en casamento un ano despois desta rodaxe. O matrimonio duraría dende 1950 até 1960 (divorcio), froito do cal nacería a súa filla Tracy.



Simmons e Granger expresando a súa ledicia conxugal nun sofá de dubidoso gusto

CALIFICACIÓN:





CRÍTICA EN CASTELLANO:














 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates