15. NIGHTCRAWLER (Dan Gilroy, 2014)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Ópera prima, e único filme ata o momento, de Dan Gilroy como director; alguén ao que xa coñecía polos seus guións sen saber que eran seus (exercendo aquí tamén como tal): Apostando ao límite (2005); The fall: O soño de Alexandría (2006) ou O legado de Bourne (realizada polo seu irmán, Tony Gilroy, en 2012).

Lou Bloom, un lobo solitario sen aparentes vínculos afectivos con ninguén, ante a dificultade pra atopar un traballo honrado nun tempo difícil coma o actual, ou iso entendemos, gáñase a vida, se é necesario, roubando. 

O seu deambular pola cidade en busca de alternativas levarao, casualmente, a ollar un novo e proveitoso xeito de subsistencia: filmar en primicia truculentos accidentes de tráfico, roubos ou crimes que logo vender ás cadeas de televisión pra os seus noticiarios. Especialmente, por ser o demandado por ditas canles, aqueles acontecidos en barrios de "xente ben" a mans de persoas de inferior condición social; algo susceptible de producir, alén dun pretendido morbo, un alarmismo entre o cidadán medio e a súa suposta tranquilidade atentada.
Comeza entón a xestarse unha sátira desapiadada, de inquedante atmosfera, sobre a falla de moral dos medios de comunicación por alcanzar cotas de pantalla elevadas; sobre o propio sistema e como este lexitima, a tódolos niveis, o "todo vale" pra medrar social e economicamente; sobre unha sociedade enxendradora de tolos desnortados e enfermos que, embebedados por individualistas soños americanos de ambición desmedida, traspasan a fronteira do razoable.


Un deses tolos, interpretado maxistralmente por un Jake Gyllenhaal que xoguetea coa sobreactuación, aínda que sen chegar a incurrir nela, o xa mentado Bloom, camiña polo mundo cun sorriso de pega, que non logra agochar de todo o nerviosismo desquiciado dunha mirada terrorífica, mentres declama a todo aquel que atopa, a modo de receita xustificadora do éxito, unha sucesión de deshumanizadas medidas empresariais pra triunfar.

Bloom, patética e monstruosa caricatura filla da depravación do sistema capitalista, vén sendo, no fondo, unha vítima. Por suposto que el, coma indivíduo, ten gran parte de responsabilidade nos seus actos, pero o que aquí se pretende, ao meu entender, é unha crítica sistémica; unha na que poñer de manifesto, a través dun de moitos dos tipos que poderían verse en tal situación, que a responsabilidade primeira nace no sistema e no seu xeito de inculcar valores pouco ou nada empáticos co entorno e coas persoas que nel habitan.

Finalmente, tanto Lou Bloom, como a súa homóloga feminina no filme, Nina (estupenda tamén unha Rene Russo trepadora e desquiciada), manteranse na crista da onda. Preocupante, supoño... 

CALIFICACIÓN:




CRÍTICA EN CASTELLANO:


 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates