16. COMO ADESTRAR AO TEU DRAGÓN/ CÓMO ENTRENAR A TU DRAGÓN/ HOW TO TRAIN YOUR DRAGON (Dean Deblois; Chris Sanders, 2010)



*Crítica en castellano al final del presente texto (en "mostrar").

Vixésima produción do estudio Dreamworks no ámbito animado. Pode que Disney, Disney Pixar ou Studio Ghibli, que adoitan abandeirar o meu gusto respecto dos estudos de animación, sexan superiores, mais a Dreamworks fíxose un nome, cos seus altibaixos, de xeito merecido: Shrek; Wallace e Gromit: A maldición das verduras; Ant-z ou incluso a infravalorada Ratónpolis, son exemplos que ben poden ilustralo. E, por suposto, a que nos ocupa.

Como adestrar ao teu dragón inicia a súa acción co ataque nocturno que os dragóns perpetran contra un poboado vikingo encravado ao borde dun cantil. O lume, as faiscas e os estouridos, derivados da ofensiva, rechaman entre as tebras corverténdose no máis salientable dun comezo que non resulta todo o espectacular que parece pretender ser, inda que si ben suxestivo. Son uns primeiros minutos, incluso argumentalmente falando, non excesivamente prometedores. Non obstante, iremos descubrindo que a curva da súa intensidade está, en tódolos aspectos, moi ben medida.

A Hipo, o adolescente protagonista, gustaríalle ser como seu pai: un dos máis bravos guerreiros do lugar. Mellor dito: gustaríalle que este sentira orgullo por el. O xeito "fácil" de conseguilo é sendo un valeroso mata dragóns que xere a admiración ao seu pasar. Porén, un físico fráxil, intelixencia e sensibilidade convírteno nalguén de inquedanzas conducidas, forzosamente, por outros derroteiros. E é que pode que empuñar un machado contra o invasor alado non sexa o seu forte, mais si inventar artilúxios, coma trallos, cos que darlles caza (algo do que logo tamén ha renegar).


Ao tempo que loita consigo mesmo por se facer, en balde, un guerreiro, nun campo de adestramento que lembra á area do circo romano, descubrirá como un dos seus trallos xurdiu efecto cazando no só un dragón, senón ao dragón de dragóns, un nunca visto e do que só se tiña coñecemento polos libros e a tradición oral: un Furia Nocturna.

Ferido, e sen posibilidade de elevar o vo, o Furia Nocturna hase atopar pechado nun crebado terreo do que lle ha ser imposible saír por conta propia. Hipo, agochado, axéxao entre temeroso e admirado polo conseguido: un trofeo que, sen dúbida, lle ía conceder o favor do pobo e o do seu pai.

No primeiro dos encontros, entre ámbolos dous seres, máscase certa tensión motivada por anos de aniquilación mútua e medo ao descoñecido. Tensión que se ha rebaixar cando a empatía faga acto de presenza, algo que os ha levar moito máis lonxe do que a belixerancia poidera facelo. Unha relación que, alén do ficcionado, anímanos a ser tolerantes e comprensivos con aqueles que sexan diferentes: respecto entre culturas e pobos alleos ao propio que merecen ser escoitados antes de ser masacrados. Poderíamos incluso entendela, máis concretamente, en clave crítica para coas políticas exteriores norteamericanas? É posible. Nese senso podería achegarse, entón, a notable, e ás veces pouco entendida e algo menosprezada, Avatar (James Cameron, 2009), na que un dos eixos fundamentais era a crítica a ditas políticas. Dise no presente filme, ao respecto disto, algo así como: "Os vikingos matan dragóns e os dragóns matan vikingos; sempre así foi e sempre así será"...Contra este tipo de "normalidade", tan asimilada por desgraza polo noso mundo (aquí non me estou a referir xa só aos norteamericanos, claro), loita con forza esta Como adestrar ao teu dragón.


Paralelamente a este desenrolo chave pra película e a súa intención moralizante, desenvólvese outra historia tamén destacable: a de Hipo e Astrid. Ela, unha desenvolta guerreira, ve en Hipo, nun comezo, a un mexericas. Porén rematará por entendelo coma un rapaz valorable por cuestións máis interesantes que as da guerra. O seu amor culminarase cun bico nos beizos onde ela é, ademais, a que leva a iniciativa: non é ningunha damisela sumisa en apuros que ha ser rescatada polo macho; senón que é ela a que agarra a Hipo con determinación espetándolle o devandito bico. Seguramente o bo de John Wayne estarase a revolver aló onde quera que esté.

No visual, a película cobra forza e impacto segundo vai avanzando: Hipo sucando os ceos ao lombo de Furia Nocturna; a espectacular panorámica aérea de varias deceas de drakkars (nome das embarcacións vikingas que, por certo, ven significar "dragón") namentres estas se dirixen ao agocho dos dragóns, etc.

Pra o recordo tamén un peche atrevido no que un Hipo eivado (pois perde parte dunha perna) despide o filme a modo de antiheroe. Outra desas cousiñas que elevan a proposta convertíndoa en adulta e alonxada dunha animación meramente infantil. 

CALIFICACIÓN:




CRÍTICA EN CASTELLANO:


 
NOITE NA CIDADE (NOCHE EN LA CIUDAD) ◄Design by Pocket, BlogBulk Blogger Templates